quarta-feira

CON INICIATIVA INTERNACIONALISTA

O PCPG considera que esta opción política (concibida desde premisas de respecto á independencia e a soberanía de cada forza e malia as tremendas dificultades que está a enfrontar) constitúe un dos intentos de avance na confluencia política máis esperanzadores e lusionantes que se teñen acadado no campo da esquerda revolucionaria, combativa e rupturista e singularmente entre os movementos de liberación nacional dos povos e nacions aferrollados polo Estado español e, en consecuencia, intégrase na mesma.

Consideramos que o intento de ilegalización de Iniciativa Internacionalista- Solidariedade entre os Povos por parte do Estado Español é un gravísimo atentado aos dereitos civís e políticos que evidencia o pánico e mesmo a profunda debilidade do aparello do réxime e dos dous grandes partidos españois que o sustentan, que responden do único xeito que poden e saben; é dicir, reprimindo ou tentando silenciar unha disidencia cada vez máis creciente, firme e esclarecida.

A persecución feroz de patriotas e revolucionarios e contra os movementos democráticos alternativos e de contestación, coa conseguinte criminalización dos movementos anticapitalistas e do independentismo e de todo aquelo que cuestione o actual marco constitucional amosa cada vez máis a verdadeira natureza reaccionaria, imperialista e mesmo criminal do Reino de España que, infelizmente, non é cuestionado pola inmensa maioría dos “demócratas” e os seus corifeos nin por unha “clase política” corrupta, asistida e lexitimada pola actuación complice, submisa e sedicente dunha esquerda convertida en caricatura.

Agora máis que nunca temos que protestar con todas as forzas contra a represión constante e a reiterada violación das liberdades e dereitos democráticos exercitada polos aparellos xudiciais e represivos do Estado Español sustentada na manipulación sistemática dos seus medios de comunicación que amosa especialmente este feito que se aplica ao abeiro da aberrante e fascista Lei de partidos.

En consecuencia chamamos a enfrontar de xeito decidido esta brutal tentativa de conculcación de elementais dereitos democráticos, que neste caso tenta impedir o noso direito de voto e o de moitas ducias de milleiros nos próximos comicios ao Parlamento Europeo.

O Partido Comunista do Povo Galego chama aos traballadores/as e a todos os democratas consecuentes e verdadeiros progresistas, á nosa mocidade combativa e rebelde a reaccionar unidos e sen complexos, e por riba dos particulares encadramentos partidarios, contra este novo episodio represivo e a apoiar todas as iniciativas que nos próximos tempos se impulsen eventualmente pola Comisión Promotora Galega da Iniciativa Internacionalista - Solidariedade entre os Povos.

ADIANTE A NOSA INICIATIVA.¡¡Non pasarán!!.
(Galiza, 16.05.09) [Voltar á Páx de Inicio]

Sem comentários:

Enviar um comentário