sexta-feira

I.I. LONXE DA ESQUERDA DOMESTICADA

[insurxente]. A prensa afín ao sistema capitalista informa con indignación que a campaña de Iniciativa internacionalista busca derrubar ao borbón.

Definitivamente non gostan que se fale de temas que, até esta campaña, eran auténticos tabús. Que se diga con claridade que o monarca e a clase política "patria" (representada polo PP e o PSOE) son inimigos políticos que hai que derrubar, asústalles. Non están afeitos a que a esquerda fale con tanta claridade. Vexan senón unha crónica dun xornal de Falsimedia, comentando a imaxe que ilustra esta noticia.

Primeiro identificáronse con Maradona marcándolle dous goles a Rubalcaba e agora a coalición Iniciativa Internacionalista compárase cunha partida de bolos na que "derrubar" ao Rei e a toda a clase política española.

No cartaz aparece unha partida de bolos, na que a bóla está marcada co logo de Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade dos Pobos (II-SP) e os bolos, coa bandeira e o escudo españois, son o Rei, o presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, o presidente da Generalitat valenciana, Francisco Camps, o líder de CIU Artur Mas, o presidente da Generalitat catalá, José Montilla, e o presidente francés, Nicolas Sarkozy, entre outros.

A lista encabezada por Afonso Xastre foi rehabilitada polo Tribunal Constitucional tras ser anulada nun primeiro momento polo Tribunal Supremo polos seus vínculos con Batasuna.

A bóla aparece a piques de impactar contra os bolos e até ten tocado xa a un deles, en concreto o que leva a face de Don Juan Carlos. O cartaz aparece acompañado xunto ao logo que identifica ao partido, unha silueta co puño ergueito, un mapa dos "países cataláns" --no que aparecen Cataluña, a Comunidade Valenciana e Baleares-- e unha mensaxe aos electores: "castígalles co teu voto".

O cartaz electoral deseñado para todo o país(sic) mostra un mapa de Europa con distintas estrelas que van desde todo o territorio até Bruxelas, coa mensaxe da "solidariedade entre os povos". Alén diso, algúns conteñen outras lendas: "pola autodeterminación dos povos, polas liberdades democráticas plenas, non á discriminación de xénero, contra a Europa do capital, pola xustiza social".

Estas son tamén as mensaxes centrais do primeiro vídeo electoral que a lista de Afonso Sastre e Doris Benegas preparou para a campaña. Na súa páxina en Internet pódense ver en aragonés, galego, catalán, castelán, asturiano e euskara. Xunto á lista onde se poden descargar os vídeos aparece tamén unha rolda de prensa do dirixente 'abertzale' Arnaldo Otegi, que pediu o voto para II-SP.

Alén diso, a coalición preparou outro vídeo especial para o País Vasco, no que asegura que o voto por Iniciativa Internacionalista é "un voto por Euskal Herria e os seus dereitos", polo cambio social "fronte á refundación do capitalismo" e por unha Europa social e política. "É un voto por outra Euskal Herria e por outra Europa que hoxe e aquí son posibeis", termina. [Voltar ao inicio desta nova]

quarta-feira

CON INICIATIVA INTERNACIONALISTA

O PCPG considera que esta opción política (concibida desde premisas de respecto á independencia e a soberanía de cada forza e malia as tremendas dificultades que está a enfrontar) constitúe un dos intentos de avance na confluencia política máis esperanzadores e lusionantes que se teñen acadado no campo da esquerda revolucionaria, combativa e rupturista e singularmente entre os movementos de liberación nacional dos povos e nacions aferrollados polo Estado español e, en consecuencia, intégrase na mesma.

Consideramos que o intento de ilegalización de Iniciativa Internacionalista- Solidariedade entre os Povos por parte do Estado Español é un gravísimo atentado aos dereitos civís e políticos que evidencia o pánico e mesmo a profunda debilidade do aparello do réxime e dos dous grandes partidos españois que o sustentan, que responden do único xeito que poden e saben; é dicir, reprimindo ou tentando silenciar unha disidencia cada vez máis creciente, firme e esclarecida.

A persecución feroz de patriotas e revolucionarios e contra os movementos democráticos alternativos e de contestación, coa conseguinte criminalización dos movementos anticapitalistas e do independentismo e de todo aquelo que cuestione o actual marco constitucional amosa cada vez máis a verdadeira natureza reaccionaria, imperialista e mesmo criminal do Reino de España que, infelizmente, non é cuestionado pola inmensa maioría dos “demócratas” e os seus corifeos nin por unha “clase política” corrupta, asistida e lexitimada pola actuación complice, submisa e sedicente dunha esquerda convertida en caricatura.

Agora máis que nunca temos que protestar con todas as forzas contra a represión constante e a reiterada violación das liberdades e dereitos democráticos exercitada polos aparellos xudiciais e represivos do Estado Español sustentada na manipulación sistemática dos seus medios de comunicación que amosa especialmente este feito que se aplica ao abeiro da aberrante e fascista Lei de partidos.

En consecuencia chamamos a enfrontar de xeito decidido esta brutal tentativa de conculcación de elementais dereitos democráticos, que neste caso tenta impedir o noso direito de voto e o de moitas ducias de milleiros nos próximos comicios ao Parlamento Europeo.

O Partido Comunista do Povo Galego chama aos traballadores/as e a todos os democratas consecuentes e verdadeiros progresistas, á nosa mocidade combativa e rebelde a reaccionar unidos e sen complexos, e por riba dos particulares encadramentos partidarios, contra este novo episodio represivo e a apoiar todas as iniciativas que nos próximos tempos se impulsen eventualmente pola Comisión Promotora Galega da Iniciativa Internacionalista - Solidariedade entre os Povos.

ADIANTE A NOSA INICIATIVA.¡¡Non pasarán!!.
(Galiza, 16.05.09) [Voltar á Páx de Inicio]