domingo

CONTINUIDADE DA ESPERANZA

[Alfonso Sastre] Desexo facer hoxe un comentario sobre o acontecido durante estas últimas semanas en que o meu nome estivo -un grande honor para min- no encabezamento da lista de Iniciativa Internacionalista/Solidariedade entre os Pobos, para o Parlamento Europeu. Descontando as moitas irregularidades observadas e que guindan xa, cando estou escribindo, o resultado da «subtracción» de polo menos 1.300 votos só na CAB, de xeito que se traballa para formalizar a debida impugnación, polo menos de moitos resultados locais, resulta que cos votos recoñecidos, de ter sido dunhas eleccións que afectasen ao Estado Español, este reconto daría para II-SP doce parlamentarios en Gasteiz, seis en Iruñea e dous en Madrid. (Son datos deste mesmo xornal)*.

Porén non é diso do que vai tratar este artigo, senón que nel quero expresar que o que nos moveu a este traballo político non foi a ilusión propia duns cantos ilusos senón o motor da máis lexítima das esperanzas, baseada no legado do mesmo Lenin, que, nun dos seus ensaios, convidounos incluso a soñar. («¡Hai que soñar!»); e tamén quero lembrar que nós chamamos «listas irmás» ás outras, que expresaban un pensamento de esquerda máis ou menos radical; e que todo iso acreditou un talante que non ten nada a ver coa politiquería que hoxe asola e abruma o ambiente político que se respira a noso arredor; hoxe mesmo eu congratulome incluso de que Esquerda Unida teña obtido (paréceme que foi así) dous escanos en Europa, e laio que Esquerda Anticapitalista non obteña ningún. No que fai a nós, triunfadores en Euskal Herria, imos ver que resulta das nosas impugnacións.

Nós viñamos dicindo desde moito antes do 7 de xuño que o noso triunfo era xa un feito, e que este triunfo era independente da obtención ou non dalgún escano en Europa. Un de nosos máis importantes obxectivos era «dar voz aos sen voz», e o mero feito de que a Esquerda Abertzale poida alzar a súa durante a campaña nun ambiente de legalidade (aínda que moitas veces empecida), xa era un signo dese triunfo. Mais tamén o era que conseguísemos espertar un clima de grande esperanza ou, se se quere, de ilusión. (Sobre esta palabra -ilusión- téñase en conta que abonda ler o DRAE para atopar que a acepción 2 da palabra ilusión é: «Esperanza cuxo cumprimento parece especialmente atractivo», e que a 3 é: «Viva compracencia nunha tarefa». Non é pouco nestes tempos de grandes desilusións, nos que é desexabel ilusionar ás xentes no sentido que a Academia define así: «Espertar esperanzas especialmente atractivas». Moito próximo foneticamente, porén moi afastado no que fai á súa significación, está a estremeira «ilusorio», pois o ilusorio si que é «o enganoso, o irreal, o ficticio»).

Vivimos estas xornadas e agora imos seguir vivindo as que veñan, nos territorios do «entusiasmo» que xa Kant explicounos que era unha noción afastada do fanatismo e non digamos da superstición, aínda que sexa certo que tamén co entusiasmo haxa que andarse con moito coidado, xa que hai certamente un entusiasmo «cego», que pode agocharnos a realidade e, por ende, empecernos o camiño da verdade.

O noso triunfo empezou, sobre todo, coa mobilización de tantas xentes anónimas, valorosas e intelixentes (ás que eu chamei noutros tempos «os camaradas escuros»), e vai continuar, a pesar das «contundentes ameazas» do señor López -¿imos estar, pois, aínda peor aínda quen buscamos a paz a través da negociación e o diálogo?- que acaba de facer públicas o flamante lehendakari. Hoxe por hoxe, contamos efectivamente coa gran ondada de solidariedade que se ergueu aquí e fóra e até lonxe de aquí precisamente perante e contra a anulación da nosa lista polo tribunal Supremo.

Entón fixéronse visibleis e puxéronse de relevo os nomes dalgúns dos heroes ocultos que traballaron pola creación e a posta en marcha desta lista -que en ningún momento foi «a lista de Sastre»-, entre quen só vou citar a uns poucos: Carlo Frabetti , Doris Benegas, Ángeles Maestro, Luis Ocampo, Josep Garganté e José Luis Méndez Ferrín (que un día será portador do Premio Nobel para a literatura galega)... Entre os apoios que tivemos hainos tan inestimabeis como o voceiro da Esquerda Abertzale, Arnaldo Otegi, en quen tantas esperanzas temos depositadas os ferventes partidarios da paz -¡que non da pacificación!- en Euskal Herria; os de Adolfo Pérez Esquivel, Carmen Bohórquez, Atilio Boron, Julio César Guanche, Michel Collon, Franz Hinkelammert, Gilberto López e Rivas, James A. Cockcroft, Jorge Enrique Adoum, José Vicente Rangel, Winston Horrillo, Carlos Aznárez e varios centenares de camaradas latinoamericanos. Da nosa área ibérica están presentes nos nosos corazóns compañeiros como Santiago Alba Rico, Carlos Fernández Liria, Luis Alegre Zahonero, Antonio Álvarez Solís, Andrés Vázquez de Sola, Antonio Maira, Cristina Maristany, Montserrat Ponsa etc.; e Jesús Prieto, Ramón Sola, Manuel M. Navarrete, ou esta documentada voz canaria: a de Francisco Javier González; ou os escritos de Pedro Antonio Honrubia, Matías Escalera etc., ou os de veciños vascos tan queridos como Jon Maia, Jon Odriozola, Josu Juaristi -que puxo as páxinas de GARA á nosa disposición-, Santi Duñaiturria, Fito Rodriguez, Mikel Arizaleta, Joxe Austin Arrieta, etc. etc. etc.

Contra a anulación da nosa lista polo tribunal Supremo houbo manifestacións tan valiosas como as de Julio Anguita, Francisco Fernández Buey etc. ou, noutro plano, a do xornalista Pascual Serrano, e outras moitas, que nos pareceron testemuños democráticos independentes das nosas diferencias ideolóxicas e que nós consideramos tamén como verdadeiros apoios, máis ou menos distantes, iso si, e agradecemos como de gran valía para nós.

O caso de Pascual Serrano produciume, pois, unha fonda tristura cando publicou, despois do escrutinio, un artigo que asinado por outra persoa se pode estimar como un panfleto infame, pois é unha burla do entusiasmo que prendeu en grandes zonas da esquerda radical e que el definiu como un «frenesí» («delirio furioso, violenta exaltación e perturbación do ánimo», DRAE), e que describe, entre outras lindezas, como unha unión con «os grandes partidos para pedir o voto nun proceso de conversión estratéxica impresionante»; «frenesí polo voto e ilusión pola festa das urnas», di, e engade que nós nos presentabamos como «un sinal da inminente toma revolucionaria do poder» (!). Etc, etc. É unha burla da extraordinaria campaña que se realizou nas peores condicións imaxinabeis e, en definitiva, dos votos de ouro que tivo a nosa lista. É unha mofa burda do que eu chamei nada máis, mais tamén nada menos, «o espertar dunha esperanza». O artigo que estou citando non ten desperdicio, ou, mellor dito, todo nel é un miserabel desperdicio. De semellante calaña é a resposta que PCPE deu a unha -equivocada ou non- ben-intencionada proposta que fixo ás candidaturas irmás o noso compañeiro Josep Garganté.

Polo demais, esta é unha historia que acaba de comenzar. II-SP non se vai disolver como un “azucarillo”. A nosa xente está traballando, e Doris Benegas, como a grande avogada que é de causas difíceis, ten xa moito que facer agora mesmo para a denuncia das evidentes irregularidades cometidas, nas que se nos roubaron moitísimos votos. Pola súa banda (é outro exemplo nada máis), Ángeles Maestro acaba de escribir cousas como esta: «Imos consolidar esa avalancha de unidade e esperanza que fixo posible que as organizacións máis diversas entendamos que cada unha de nós non somos suficientes para alumear o necesario e que xuntas somos moito máis que a suma de todas: a posibilidade de articular a forza da clase e de pobos necesaria nestes momentos». (Este artigo apareceu en «Rebelión», como outros moitos que nos mostraron simpatía e solidariedade. Estaría Pascual Serrano ausente cando se programaron, ou non lle pareceron entón tan delirantes e furiosos?).

Acabamos de empezar e fixémolo ben; e o noso entusiasmo imos a administralo nós. Estamos na liña de «un socialismo do século XXI», na que, por exemplo, as vellas dicotomías -como aquelas entre marxistas e libertarios, científicos e utópicos, xustiza e liberdade, loita de clases e ecoloxía...- non poderán reproducirse. Por iso dicimos «aurrera» e clamamos non desde a tolemia senón desde a razón entendida en seu máis rigoroso sentido kantiano e baseados na nova noción de defensa da utopía que hoxe empeza a ser vixente como unha loita por posibilitar o que non é que sexa imposible senón que está imposibilitado polos intereses do grande capital. Aleluia, aleluia, digo co meu puño fechado, que non é -nin nunca foi- unha ameaza senón un canto á unidade entre os irmáns.

*Refírese o autor ao xornal GARA(onde publicou este artigo)

terça-feira

COMUNICADO DE INICIATIVA INTERNACIONALISTA DIANTE DO PROCESO ELEITORAL

[9/9/09] Nos próximos días emitiremos un novo comunicado, facendo unha avaliación mais detallada do proceso político – electoral que vivimos e dos seus resultados, así como das nosas iniciativas para o próximo período. Porén diante da urxencia de dar resposta inmediata ao que parece xa un pucheirazo en toda regra, cuxa dimensión estamos a avaliar, queremos facer publico o seguinte:

1. O Ministerio do Interior con todo o acompañamento político e mediático dos servidores do réxime monárquico – español, non satisfeitos coa brutal campaña de criminalización á que someteron á nosa candidatura durante todo o proceso electoral, e diante da sospeita que aínda despois deste os resultados electorais serían mais que significativos, impulsaron un pucherazo en toda regra, cuxo impacto estamos investigando, para o que pedimos a colaboración de todas as persoas que simpatizantes ou non de II-SP consideran que hai que respectar as mais elementais normas democráticas.

2. Hai un sen fin xa de datos concretos que confirman este pucheirazo, ademais das irregularidades detectadas no mesmo día da votación, algunhas xa denunciadas diante da Xunta Electoral Central, apareceron cuestións absolutamente escandalosas como as atribucións de votos de II-SP en 24 localidades de Euskal Herria a outras listas, especialmente da extrema dereita española. Irregularidades similares estánse a detectar nos PPCC, Andalucía, Castela... Neste mesmo sentido, a actitude da Vicepresidenta do Goberno, Maria Teresa Fernández de la Vega, ''esquecéndose'' do ultimo escano, que este non aparecese en pantalla e o evidente xesto envarado deste e de Rubalcaba, impropios da situación, non fan mais que aboar a sospeita de que algo moi grave estaba ocorrendo.

Tampouco parece que haxa explicación lóxica algunha para o aumento espectacular de votos en branco e nulos a respeito das eleicións europeas de 2004, exactamente 57.000 votos nulos e 125.000 votos en branco, iso é especialmente suspeitoso cando a porcentaxe de participación foi similar e ningunha organización política con incidencia significativa chamou ao voto en branco ou ao voto nulo.

3. Facemos un chamamento para que mañá mércores, nalgunhas xuntas electorais será aos oito da mañá, os representantes provinciais da candidatura de II-SP, acompañados dun número suficiente de apoderade@s, acodan aos recontos provinciais e neste investiguen especialmente as seguintes cuestións:

- Que o número de votos obtidos coincida co número de votos atribuídos nas actas electorais e pola súa vez que isto coincida cos votos atribuídos polo Ministerio do Interior. Constatamos que na trasferencia dos datos para o Ministerio desviáronse os nosos votos en numerosas ocasións.

- Que o número de votos en branco, que a lei permite que sexan destruídos en cada mesa, que constan nas actas coincidan cos que aparecen no reconto provincial.

- No que fai aos votos nulos, temos de revisalos un a un en todos os sitios que sexa posibel, cuantificando aqueles que corresponden con II-SP e solicitando que estes se conten como votos válidos para a nosa candidatura. Se isto non se consegue hai que impugnar o resultado para que vaia á Xunta Electoral Central e impedir por esta vía que eses votos sexan destruídos, esa obviamente é a súa intención.

- É de principal interese aqueles casos de persoas que afirman que nos votaron e que despois o seu voto non aparece reflectido no acta da mesa correspondente, aquelas mesas onde hai xente que nos votou e aparece o acta con cero votos a II-SP. Esa situación permite facer unha denuncia individualizada, se esas persoas estan dispostas a iso, que sen son bastantes tería un grande valor político e cremos que xurídico.

4. Cando teñamos toda a información estaremos en condicións de valorar a posibilidade, que a estas alturas non descartamos, de impugnar as eleccións europeas no conxunto do Estado Español. En calquera caso temos xa elementos mais que suficientes para denuncialas politicamente.

5. Reiteramos a petición de transmisión de información a través do noso correo: eleccioneseuropa2009@gmail.com de todas aquelas irregularidades que poidades detectar, incluíndo as que vos parezan de menor importancia, iso si detallando lugar, colexio, mesa electoral e hora dos feitos acontecidos así como se se interpuxo xa algún tipo de denuncia ou non, en tal caso enviádenos tamén copia da mesma.

A LOITA POLA MUDANZA POLÍTICA E SOCIAL CONTINUA E CADA VEZ SERÁ CON MAIS FORZA.

II-SP [Voltar ao inicio desta nova]

domingo

7 DE XUÑO: INICIATIVA INTERNACIONALISTA DIANTE DO ATAQUE DA CNN+ E A XUNTA ELEITORAL

Para ver o vídeo premer sobre a imáxe da esquerda

COMUNICADO DE PRENSA

Emitimos como comunicado de prensa o seguinte documento, enviado á Xunta Electoral Central, no día de hoxe ás 18,42 horas.

O denunciado neste escrito é o elemento máis grave dentro do que foi un día cheo de incidencias, desaparición de papeletas en numerosas mesas electorais, non presenza delas nalgunhas, ...

É evidente que as guardiáns do sistema non saben respectar nin as súas propias normas cando ven en risco a reprodución do seu estatus.

Á XUNTA ELEITORAL CENTRAL

Ás 13,45 horas do día 7 de Xuño, enviamos vía fax a esa Xunta Electoral Central, un escrito denunciando o que nos parece un ataque intolerable para a nosa candidatura, cuxo único obxectivo é o de prexudicarnos electoralmente, realizado pola cadea de televisión CNN+.

Ás 14,30 horas, ao non ter resposta algunha, por parte desa Xunta Electoral reencamiñamos o escrito solicitando ademais que se paralizará o proceso electoral mentres non fose resolta a denuncia apresentada.

Ás 14, 47 horas chegounos por via fax, unha comunicación da Xunta Electoral Central (expediente 339/82) co seguinte acordo dese organismo: ''Trasladar con carácter urxente a denuncia ao Director da cadea de televisión de CNN+ para os efectos de que remita copia do vídeo sobre a información de referencia así como as alegacións que entenda oportunas, que deberán obrar en poder desta Xunta hoxe mesmo ás 16,30 horas''.

Ás 17,25 horas e á vista de que non nos chega ningunha resolución da Xunta Electoral Central sobre a cuestión de fondo exposta, dirixímonos a esta telefónicamente, informándonos desde ese organismo de que xusto nese momento CNN+ tiña feito entrega do vídeo solicitado, é dicir unha hora fóra de prazo; e que a partir dese momento e unha vez visualizado o devandito vídeo ese organismo adoptará a decisión correspondente.

Ás 18,30 horas, é dicir cando só falta xa hora e media para que conclúa o proceso electoral, desde esa Xunta Electoral non se nos comunicou resolución algunha sobre a cuestión de fondo exposta por esta candidatura por primeira vez ás 13,45 horas.

Consideramos que esa Xunta Electoral non está desenvolvendo con plenitude unha das súas obrigas, tal cual é, a de velar pola igualdade de oportunidades electorais de todas as candidaturas diante dunha consulta electoral, tal como a Constitución e a Lei Electoral vixente recollen.

Consideramos que esa Xunta Electoral tivo tempo material sobrado para tomar unha decisión sobre o fondo da cuestión exposta pola nosa candidatura e estamos convencidos que se unha situación similar fose exposta, por exemplo polo Partido Popular ou o PSOE, esta estaría mais que resolta.

Asdo: Luis N. Ocampo Pereira, representante xeral da candidatura Iniciativa Internacionalista – A Solidariedade entre os Povos. [Voltar ao inicio desta nova]