Porén non é diso do que vai tratar este artigo, senón que nel quero expresar que o que nos moveu a este traballo político non foi a ilusión propia duns cantos ilusos senón o motor da máis lexítima das esperanzas, baseada no legado do mesmo Lenin, que, nun dos seus ensaios, convidounos incluso a soñar. («¡Hai que soñar!»); e tamén quero lembrar que nós chamamos «listas irmás» ás outras, que expresaban un pensamento de esquerda máis ou menos radical; e que todo iso acreditou un talante que non ten nada a ver coa politiquería que hoxe asola e abruma o ambiente político que se respira a noso arredor; hoxe mesmo eu congratulome incluso de que Esquerda Unida teña obtido (paréceme que foi así) dous escanos en Europa, e laio que Esquerda Anticapitalista non obteña ningún. No que fai a nós, triunfadores en Euskal Herria, imos ver que resulta das nosas impugnacións.
Nós viñamos dicindo desde moito antes do 7 de xuño que o noso triunfo era xa un feito, e que este triunfo era independente da obtención ou non dalgún escano en Europa. Un de nosos máis importantes obxectivos era «dar voz aos sen voz», e o mero feito de que a Esquerda Abertzale poida alzar a súa durante a campaña nun ambiente de legalidade (aínda que moitas veces empecida), xa era un signo dese triunfo. Mais tamén o era que conseguísemos espertar un clima de grande esperanza ou, se se quere, de ilusión. (Sobre esta palabra -ilusión- téñase en conta que abonda ler o DRAE para atopar que a acepción 2 da palabra ilusión é: «Esperanza cuxo cumprimento parece especialmente atractivo», e que a 3 é: «Viva compracencia nunha tarefa». Non é pouco nestes tempos de grandes desilusións, nos que é desexabel ilusionar ás xentes no sentido que a Academia define así: «Espertar esperanzas especialmente atractivas». Moito próximo foneticamente, porén moi afastado no que fai á súa significación, está a estremeira «ilusorio», pois o ilusorio si que é «o enganoso, o irreal, o ficticio»).
Vivimos estas xornadas e agora imos seguir vivindo as que veñan, nos territorios do «entusiasmo» que xa Kant explicounos que era unha noción afastada do fanatismo e non digamos da superstición, aínda que sexa certo que tamén co entusiasmo haxa que andarse con moito coidado, xa que hai certamente un entusiasmo «cego», que pode agocharnos a realidade e, por ende, empecernos o camiño da verdade.
O noso triunfo empezou, sobre todo, coa mobilización de tantas xentes anónimas, valorosas e intelixentes (ás que eu chamei noutros tempos «os camaradas escuros»), e vai continuar, a pesar das «contundentes ameazas» do señor López -¿imos estar, pois, aínda peor aínda quen buscamos a paz a través da negociación e o diálogo?- que acaba de facer públicas o flamante lehendakari. Hoxe por hoxe, contamos efectivamente coa gran ondada de solidariedade que se ergueu aquí e fóra e até lonxe de aquí precisamente perante e contra a anulación da nosa lista polo tribunal Supremo.
Entón fixéronse visibleis e puxéronse de relevo os nomes dalgúns dos heroes ocultos que traballaron pola creación e a posta en marcha desta lista -que en ningún momento foi «a lista de Sastre»-, entre quen só vou citar a uns poucos: Carlo Frabetti , Doris Benegas, Ángeles Maestro, Luis Ocampo, Josep Garganté e José Luis Méndez Ferrín (que un día será portador do Premio Nobel para a literatura galega)... Entre os apoios que tivemos hainos tan inestimabeis como o voceiro da Esquerda Abertzale, Arnaldo Otegi, en quen tantas esperanzas temos depositadas os ferventes partidarios da paz -¡que non da pacificación!- en Euskal Herria; os de Adolfo Pérez Esquivel, Carmen Bohórquez, Atilio Boron, Julio César Guanche, Michel Collon, Franz Hinkelammert, Gilberto López e Rivas, James A. Cockcroft, Jorge Enrique Adoum, José Vicente Rangel, Winston Horrillo, Carlos Aznárez e varios centenares de camaradas latinoamericanos. Da nosa área ibérica están presentes nos nosos corazóns compañeiros como Santiago Alba Rico, Carlos Fernández Liria, Luis Alegre Zahonero, Antonio Álvarez Solís, Andrés Vázquez de Sola, Antonio Maira, Cristina Maristany, Montserrat Ponsa etc.; e Jesús Prieto, Ramón Sola, Manuel M. Navarrete, ou esta documentada voz canaria: a de Francisco Javier González; ou os escritos de Pedro Antonio Honrubia, Matías Escalera etc., ou os de veciños vascos tan queridos como Jon Maia, Jon Odriozola, Josu Juaristi -que puxo as páxinas de GARA á nosa disposición-, Santi Duñaiturria, Fito Rodriguez, Mikel Arizaleta, Joxe Austin Arrieta, etc. etc. etc.
Contra a anulación da nosa lista polo tribunal Supremo houbo manifestacións tan valiosas como as de Julio Anguita, Francisco Fernández Buey etc. ou, noutro plano, a do xornalista Pascual Serrano, e outras moitas, que nos pareceron testemuños democráticos independentes das nosas diferencias ideolóxicas e que nós consideramos tamén como verdadeiros apoios, máis ou menos distantes, iso si, e agradecemos como de gran valía para nós.
O caso de Pascual Serrano produciume, pois, unha fonda tristura cando publicou, despois do escrutinio, un artigo que asinado por outra persoa se pode estimar como un panfleto infame, pois é unha burla do entusiasmo que prendeu en grandes zonas da esquerda radical e que el definiu como un «frenesí» («delirio furioso, violenta exaltación e perturbación do ánimo», DRAE), e que describe, entre outras lindezas, como unha unión con «os grandes partidos para pedir o voto nun proceso de conversión estratéxica impresionante»; «frenesí polo voto e ilusión pola festa das urnas», di, e engade que nós nos presentabamos como «un sinal da inminente toma revolucionaria do poder» (!). Etc, etc. É unha burla da extraordinaria campaña que se realizou nas peores condicións imaxinabeis e, en definitiva, dos votos de ouro que tivo a nosa lista. É unha mofa burda do que eu chamei nada máis, mais tamén nada menos, «o espertar dunha esperanza». O artigo que estou citando non ten desperdicio, ou, mellor dito, todo nel é un miserabel desperdicio. De semellante calaña é a resposta que PCPE deu a unha -equivocada ou non- ben-intencionada proposta que fixo ás candidaturas irmás o noso compañeiro Josep Garganté.
Polo demais, esta é unha historia que acaba de comenzar. II-SP non se vai disolver como un “azucarillo”. A nosa xente está traballando, e Doris Benegas, como a grande avogada que é de causas difíceis, ten xa moito que facer agora mesmo para a denuncia das evidentes irregularidades cometidas, nas que se nos roubaron moitísimos votos. Pola súa banda (é outro exemplo nada máis), Ángeles Maestro acaba de escribir cousas como esta: «Imos consolidar esa avalancha de unidade e esperanza que fixo posible que as organizacións máis diversas entendamos que cada unha de nós non somos suficientes para alumear o necesario e que xuntas somos moito máis que a suma de todas: a posibilidade de articular a forza da clase e de pobos necesaria nestes momentos». (Este artigo apareceu en «Rebelión», como outros moitos que nos mostraron simpatía e solidariedade. Estaría Pascual Serrano ausente cando se programaron, ou non lle pareceron entón tan delirantes e furiosos?).
Acabamos de empezar e fixémolo ben; e o noso entusiasmo imos a administralo nós. Estamos na liña de «un socialismo do século XXI», na que, por exemplo, as vellas dicotomías -como aquelas entre marxistas e libertarios, científicos e utópicos, xustiza e liberdade, loita de clases e ecoloxía...- non poderán reproducirse. Por iso dicimos «aurrera» e clamamos non desde a tolemia senón desde a razón entendida en seu máis rigoroso sentido kantiano e baseados na nova noción de defensa da utopía que hoxe empeza a ser vixente como unha loita por posibilitar o que non é que sexa imposible senón que está imposibilitado polos intereses do grande capital. Aleluia, aleluia, digo co meu puño fechado, que non é -nin nunca foi- unha ameaza senón un canto á unidade entre os irmáns.